DOCU+CHARLA: UNITARIAS

PROXECCIÓN DO DOCU UNITARIAS + CHARLA COS PROTAGONISTAS.

SINOPSE
UNITARIAS é un documental que reconstrúe a historia das escolas do rural de Galicia, a través da vida de Jose Alberto Sacido,
un mestre que empezou traballando nestas escolas nos anos 60.
A través das súas experiencias, o documental presenta os cambios que tiveron que asumir xuntos profesorado e alumnado durante os últimos 50 anos.

OS ARGUMENTOS
As experiencias persoais dos mestres, que dende os anos 50 do século pasado impartiron as súas clases nas pequenas escolas do rural galego, as unitarias, preséntannos a realidade dun país que evoluciona dende os lindes do analfabetismo á cultura dixital, dende a ditadura á democracia e que, ademais, ten que facer o esforzo constante de encaixarse dentro dos distintos marcos que provocan unhas leis educativas cambiantes.

Cando José Alberto Sacido Tuñas aproba as oposicións en 1960, faise cargo dunha escola unitaria en Lousame. O mestre, sen experiencia, atópase cunha aula chea de nenos de entre 6 e 12 anos e cuns recursos educativos mínimos.

Desde entón e tras os cambios impulsados pola lei de 1970, as unitarias loitan por sobrevivir, como un instrumento, ás veces fundamental, para fixar a poboación nos núcleos rurais.

Os mestres e especialistas en educación, que nos acompañan durante toda a obra, dan o seu punto de vista sobre os retos que enfronta hoxe o ensino: a autoridade do mestre, a segregación por sexo, os cambios de sistema educativo, os modelos de ensino das linguas…

Os cambios tecnolóxicos, que se implantaron xa no rural galego, fan posible que varias unitarias, organizadas a xeito de Centro Rural Agrupado, estean relacionadas e que o alumnado de diferentes cursos teña recursos educativos adaptados ás súas necesidades. Estamos ante o rexurdir da experiencia orixinal, do contacto do mestre con alumnado de diferentes idades e niveis dentro da súa contorna natural e propia. É este un modelo de futuro?

 

Out, 21, 2015

0

SHARE THIS