LÓPEZ DE GUEREÑA

Sen dúbida non hai moitos cantautores que tamén compoñan música sinfónica. Un cantante que se estrea aos 58 anos como solista debe de ter algún as na manga. É o caso de JAVIER LÓPEZ DE GUEREÑA, pouco coñecido como compositor da música do máis famoso "Telediario", dunha decena de longametraxes, por producir unha trintena longa de discos, desde LOS TOREROS MUERTOS ata ENRIQUE MORENTE (e, moi recentemente, á cantautora galega PALITO) ou dirixir a Big-band da BÓLA DE CRISTAL e a de MIGUEL RÍOS, ou pola súa variada obra sinfónica entre as que se inclúen colaboracións "mixtas" tan especiais como SINISTRO TOTAL ou JAVIER RUIBAL, ou que na actualidade realice orquestracións para o Teatro da Zarzuela. Probablemente LÓPEZ DE GUEREÑA é coñecido por ser produtor, guitarrista e compañeiro de JAVIER KRAHE ao longo de máis de trinta anos, de xira ininterrompida ata o seu recente falecemento.

BAILE DE BÁGOAS é o disco de presentación deste nobre cantante novel que pola súa traxectoria máis parece a dun Nobel. Cancións infestadas de melodías sorprendentes que acaban sendo pegadizas, letras meticulosamente rimadas que dan como froito sandeces, que non sandías, historias profundas nun marco dicharachero.

É posible que a locuacidade sexa contaxiosa e a familiaridade con PEPÍN TRE ou O GRAN WYOMING e, como non, KRAHE- deixasen a súa pegada. O humor e a retórica fúndense coa música nun espectáculo de cancións sen refrán.

Ago, 18, 2016

0

SHARE THIS