Que Somos

O Proxecto UNITARIA naceu en maio do ano 2015 da man de Gonzalo Suárez e Fernando Lema, como un espazo multidisciplinar e colaborativo vencellado ás Industrias Culturais e Creativas de Galicia (ICC), xestionado pola Asociación de Amigos si, pero a Vaquiña polo que Vale e con base social na cidade de Santiago de Compostela. A súa actividade principal destínase ao desenvolvemento de accións formativas dirixidas a profesionais do sector e a público xeral con fame de aprender. No 2017 foi incluído no banco de boas prácticas da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, e desde o mesmo ano forma parte da Red Transibérica de Espacios Culturales Independientes e foi gañadora do 1º Premio Rodolfo Prada Á Xestión Cultural otorgado pola Deputación de Ourense.

Os dous socios que timoneamos esta iniciativa, coñecemos moi de cerca a realidade do sector tras anos de reinvención nos nosos percorridos profesionais: as ICC constitúen un compoñente cada vez máis importante, xa que permiten a conversión da creatividade nun produto e/ou servizo e polo tanto, a vía máis directa de traducir a cultura en impacto económico sobre un espazo: xeran empregos sobre o territorio, pagan impostos, crean riqueza, melloran a súa competitividade e tamén actúan como elementos vehiculares na transmisión da identidade propia do territorio. Só unha industria forte e que atenda á diversidade presente en Galicia, ás novas formas de crear e ás novas realidades tecnolóxicas e produtivas propias do século XXI, pode ser garantía de supervivencia das nosas manifestacións culturais e artísticas. Neste sentido, diversas experiencias galegas vimos axudando a fortalecer e a espallar a nosa identidade e idiosincrasia propias.

Por outra banda, sabemos que o emprendemento non precisa de grandes investimentos e depende fundamentalmente do talento e da creatividade (recursos inmateriais e polo tanto ilimitados), pero tamén debe ser un medio de vida para as profesionais, que aínda que practiquemos unha especie de militancia no sector, precisamos dispoñer dos medios necesarios para darlle continuidade ás iniciativas que emerxen dos intereses das persoas destinatarias. Dado o valor social que a cultura creativa aporta á nosa comunidade, desde UNITARIA apostamos de cheo por facer posible que esta experiencia perdure no tempo.

Trala nosa colaboración previa no proxecto LAV – Laboratorio Audiovisual de Vedra (espazo de encontro para accións formativas no eido audiovisual e con gran aceptación e participación de público), detectamos a carencia dunha oferta educativa específica e diversificada no medio. UNITARIA xurdiu coa vontade de darlle resposta a esta necesidade e ás presentes na industria en xeral, programando propostas novedosas e de actualidade e colaborando para previr o movemento de profesionais fóra da cidade e do territorio galego na procura deste tipo de servizos. Unimos a nosas ganas e coñecementos para iniciar esta aventura invertindo os nosos aforros, esforzos persoais e a paixón pola profesión e implantamos este proxecto sen financiación externa (polo cal na actualidade sobrevive fundamentalmente apoiada na autoxestión), xerando un espazo singular nunha antiga escola unitaria no barrio compostelán de San Pedro (contorna coñecida pola súa apertura, dinamismo e confluencia creativa e de activa participación cidadá). Ao longo de tres anos de actividade, nos que vimos programando máis de trescentos cincuenta eventos educativos, artísticos e culturais, ampliamos de xeito exponencial a nosa oferta e diversificámola atendendo ás demandas recollidas para a divulgación, a promoción e o encontro entre profesionais e público.

Desde o seus inicios, UNITARIA ten tres puntos de partida fundamentais: a diferenciación, a calidade e o agarimo. Xeramos con seriedade o noso servizo dirixido ao crecemento profesional e creativo do público, implementando accións innovadoras, atraendo a profesionais con recoñecemento no sector (Verónica Forqué, Paola Guimerans, Alberto García Alix, Alfonso Zarauza, Xulio Cordeiro entre outras) e que tamén inician ou desenrolan con entusiasmo o seu percorrido, colaborando no desenvolvemento cultural e creativo da contorna e mantendo sempre a porta da casa aberta para xerar sinerxías que favorezan a construción e a mellora en colectividade. Nesta aventura acompáñanos a conciencia de que é imprescindible a unión de esforzos para non morrer polo camiño: obtemos o que Unitaria precisa para respirar (non sen dificultade ás veces) e aportamos a posibilidade de que profesionais teñan un espazo no que desenvolverse e que o alumnado recicle e amplifique os seus coñecementos, procurando que as persoas que habitan esta casa de xeito temporal, saian dela con ganas de voltar.

A BASE SOCIAL E PÚBLICO:
“Amiguiñas e amiguiños”: son numerosos os apoios incondicionais que rodean a Unitaria: amizades, familiares, veciñanza e profesionais de diferentes sectores aportan o seu grano de area para que este proxecto non cese na súa actividade.
Colaboracións: docentes, artistas e creadoras de diferentes ámbitos son contactadas ou contáctannos directamente para levar a cabo as súas propostas, contando cun espazo axeitado ás súas necesidades e que muta segundo o evento programado, sendo cada vez que se produce algo un lugar diferente.
O público: conscientes do uso tradicional que se dá á cultura, a nosa filosofía de traballo encamíñase para xerar accións que favorezan a participación dun público prosumidor, coa finalidade de ir máis aló do mero consumo, promovendo a súa implicación nos formatos e nas experiencias. O noso público diana (procedente pricipalmente de Galicia) son persoas dispostas a aumentar de forma práctica o seu currículum, de maximizar a súa empregabilidade reciclando e aumentando os seus coñecementos previos e daquelas que queiran participar de forma activa no consumo dos productos que se programan desde Unitaria.

O OBXECTIVO: desenvolver accións multidisciplinares da ICC a través da posta en valor da formación, da calidade e da innovación favorecendo o intercambio de coñecementos e a divulgación da realidade do noso sector.

Obxectivos específicos:

Programar e executar propostas de aprendizaxe permanente dando resposta ás necesidades e inquedanzas educativas presentes no sector.
Difundir e apoiar o traballo de profesionais en activo, de persoas con inquedanzas e de accións do tecido asociativo e empresarial desde o punto de vista artístico, cultural e creativo.
Promover un público prosumidor que vaia máis aló do consumo tradicional.
Establecer lazos de colaboración e de apoio a través de espazos de encontro social, cultural e de traballo colaborativo.
Promocionar a realidade cultural e creativa do sector máis aló do noso territorio.

A METODOLOXIA: a tarefa de formación é un elemento imprescindible na industria galega e polo tanto, tamén o é na nosa programación. Levamos a cabo formatos para a aprendizaxe baseados nos intereses, necesidades e motivacións do público, que tamén exercen como lanzadeiras doutras actividades que complementan a programación xerada desde o proxecto:

Espazos para a aprendizaxe que están baleiros na oferta dentro do sector: obradoiros, micro-obradoiros, parladoiros e outros formatos para o intercambio de coñecementos.
Eventos para a divulgación e a promoción: propostas que reforzan a programación xeral e destinadas á execución de diversas actividades ou experiencias. Estas á súa vez inciden na movilización de público e de participantes xerando a atención exterior e fluxos de visitas:
Eventos temáticos: Fun Fun Fun (autoedición), mercadiños específicos, celebracións, etc.
Proxeccións audiovisuais
Representacións teatrais e danza
Presentacións de proxectos de literatura, cine, fotografía, experiencias de proximidade, etc.
Concertos musicais
Debates

Temáticas:

Tecnoloxía: robótica, arduino, modelado libre, impresión 3D, video mapping, programación creativa, software libre, programación web, videoxogos, alfabetización dixital, etc.
Diversidade cultural e artística: arte urbana, audiovisual, banda deseñada e cómic, artes escénicas, artes plásticas (xoiería, cerámica, porcelana, talla de madeira, etc.), arte da escritura e da caligrafía (tipografía, lettering, escrita creativa, etc.), moda, deseño gráfico, fotografía e vídeo, xestión e produción de eventos, patrimonio inmaterial, línguas, etc.
Música: Dj, música electrónica, música contemporánea, música de autor, grabación de son, canto e voz, formación instrumental (batería, theremín, guitarra,…), etc.
Economía ecolóxica e social: medioambiente, reciclaxe, agroecoloxía, empregabilidade, asesorametno profesional, consumo sostible, traballo colaborativo, etc.
Saúde e benestar: ioga e pilates.

DECÁLOGO UNITARIA: columna vertebral da Asociación Amigos sí, pero a Vaquiña polo que Vale, un proxecto pensado nas demáis dende a suma de esforzos e a paixón polo que facemos. O noso xeito de construir é a nosa filosofía de traballo:

Transparencia: somos o que se ve, no noso dia a día, nas nosas canles de comunicación (sempre en galego), nas equipas de traballo colaborativo, nas nosas propostas e na nosa xestión… sen filtros.
Profesionalidade e calidade: con quen nos xuntamos e máis nós, damos o mellor do que somos e sabemos facer… con xeito.
Horizontalidade: o noso traballo entendémolo en beneficio de todas, artellado co esforzo colectivo e nunha mesma dirección… remamos no mesmo barco.
Creatividade: todo está inventado, nós diferenciámolo. “Debuxamos” o punto sobre o “i” segundo máis conveña ao público e á realidade… con orixinalidade e criterio.
Innovación: atentas ás novidades propias do século no que vivimos recollemos as que reforzan o potencial do noso sector e poñémolas en práctica para xerar valor social… actualizámonos.
Implicación: a través do que podemos aportar á sociedade constrúese a nosa cultura e identidade… sumamos.
Militancia: adicámonos ao que nos xera alegrías e nos quita o sono porque cremos nesto… resistimos.
Divertimento: este proxecto e o noso modus operandi afástanse do sistema de produción tradicionalmente imposto… artellamos dende a profesionalidade gozándoa (de non ser así, non o facemos).

MÁIS INFORMACIÓN:
Web: http://www.escolaunitaria.com
Facebook: https://www.facebook.com/escolaunitaria
Twitter: https://twitter.com/EscolaUnitaria
Instagram: https://www.instagram.com/escolaunitaria
Vimeo: https://vimeo.com/channels/unitaria
Linkedin: https://www.linkedin.com/company/unitaria
Google+: https://plus.google.com/112320588918648428029