
UN EDIFICIO, UN PROXECTOR E MOITO TEMPO
PRÓLOGO
Pensabamos que China estaba moito máis lonxe, que aquí, onde poñen tapas nos bares e os afters sempre abren, esas cousas nunca pasan. Aquilo era como ver una peli sabendo que a realidade era outra. Vaia hostia comemos!. Tan grande que aínda non nos recuperamos. O virus entrou en España coma quen entra na praza do Obradoiro. É o peor peregrino que coñecemos nas nosas vidas. E iso que os composteláns coñecemos os máis desprezables espécimes desa ralea. Os que berran a deshora, os que ensucian, os que se cren máis donos da rúa ca Fraga nos seus “bos” tempos. O peor é que, por agora, non hai Botafumeiro que tire o fedor que deixaron en todos e cada un dos recunchos deste planeta.
Cando o 14 de marzo de 2020 Pedro Sánchez anunciou que tiñamos que quedar na casa, coñecemos en carnes propias o verdadeiro significado da palabra distopía.
As series e as películas de ficción nunca superarán a realidade. É un feito. Quen ía pensar que a primeira reacción da cidadanía sería arramplar con todo o papel hixiénico?
E xa pechados na casa, que facemos? Pois moitos fixeron pan, outros ioga e, nunha pequena aldea galaica, a resistencia veu da man dun proxector que, desde a rúa de Concheiros, proxectou moita máis luz ca a potencia que indicaba a súa lámpada.
E é que, por moito que nolo intenten vender, non todas as cousas interesantes ocorren en Madrid.
As proxeccións de Escola Unitaria en colaboración con María von Touceda, Leandro Barea e outros moitos amigos fixéronse máis virais ca o propio virus.
Todo comezou como un simple divertimento que acabou como una acción artística onde a retranca, tan propia dos galegos, fixo desta acción algo digno de recordar.
Esa é a razón deste libro. Así foi e así volo imos contar.
QUE É?
Un libro obxeto fotográfico resumindo os tres meses de proxeccións do proxecto Unitaria durante o confinamento. Frases proxectadas nun edificio, onde a sátira e o humor son a gasolina desta crítica social, política e económica.
Libro tamaño A5 de 180 páxinas. Interiores impresas a 4/4 tintas CMYK en papel estucado de 150 gr. Gardas impresas a cor en papel offset de 160 gr. Cuberta impresa a 4/0 tintas CMYK en papel estucado de 135 gr e plastificada 1/c. Encadernación tapa dura en cartoné cosido o cromo en cartón de 2,5 mm lombo curvo con cabezadas.