INICIACIÓN Á DIRECCIÓN

  • Impartido por: Lucía Estévez

  • Duración: 25h 

  • Horario: de 10:45h a 15:45h de luns a venres. 

  • N.º de prazas: 18

  • Prezo early bird: 150 € se te inscribes antes do 30 de novembro

    175 € a partir do 1 de decembro

  • Datas: do 26  ao 30 de xaneiro de 2026

  • Inclúe auga, café, té, doces e froita durante todo o obradoiro.

  • Lugar: Unitaria

INSCRICIÓN: un mail cos teus datos (NOME COMPLETO, DNI e TELÉFONO) e obradoiro no que queres participar:

DESCRICIÓN

Este curso intensivo de iniciación á dirección, impartido pola directora e guionista Lucía Estévez, está deseñado para comezar a descubrir a túa voz como cineasta.

A formación propón explorar e gozar do proceso creativo, soltando a presión do resultado final. Cada contexto social, político e cultural é diferente, por iso non hai cineastas iguais.

Debatirase sobre a industria audiovisual actual e a cabida da mirada dende dirección, tanto en proxectos propios como en proxectos por encargo. Farase unha viaxe polas fases e departamentos dunha rodaxe, para atopar a mellor forma de comunicarse co equipo artístico e co equipo técnico.

Afondarase no impulso detrás de cada proxecto audiovisual. Cada participante traerá ideas e textos propios que lle inspiren, co obxectivo de desenvolver un dossier de dirección dun proxecto persoal, que logo poida presentar a un laboratorio ou residencia artística.

Os proxectos poden ser de longametraxes, curtametraxes ou series de televisión.

PROGRAMA

Ser director/a na industria audiovisual actual.

A mirada e o proceso creativo: por que quero contar?

Ideas e referencias.

Un caderno de dirección para atopar un método propio.

A historia que quero contar.

As personaxes. Reflexionar sobre a diversidade á hora de contar historias.

¿Cal é a hexemonía das historias que se contan a día de hoxe?

Documentos de dirección:

Guion técnico e planta de cámara para planificar.

Lecturas de guion e traballo co equipo técnico e artístico.

A dirección de actores.

Coñecer as técnicas interpretativas para dirixir e atopar a propia.

Laboratorios e axudas á escrita e dirección.


OBXECTIVOS ESPECÍFICOS

  • Comezar a desenvolver unha identidade cinematográfica propia e polo tanto única.

  • Explorar imaxes e referentes na busca dun universo persoal.

  • Coñecer o traballo de todos os departamentos dun equipo de rodaxe para atopar a mellor maneira de comunicar dende dirección.

  • Comprender estruturas e ritmos narrativos para rodar escenas.

  • Traballar a posta en escena con actores e logo a cinematografía dende a cámara.

  • Planificación visual e sonora.

  • Identificación das posibilidades técnicas de distintas cámaras segundo o proxecto.

  • Nocións básicas sobre estilos, xéneros e procesos de produción cinematográfica.

  • Nocións básicas de dirección de actores para atopar un método propio.


METODOLOXÍA

Sesións teórico-prácticas cun enfoque baseado na aprendizaxe activa e a reflexión persoal.

1️⃣ Desenvolvemento dun dossier de dirección a partir dunha idea persoal, co obxectivo de presentalo nun laboratorio ou residencia.

2️⃣ Elaboración dos principais documentos do departamento de dirección: guion técnico e planificación con cámara.

3️⃣ Estudo e reflexión arredor da construción de personaxes, para despois traballar a dirección de actores con criterio e sensibilidade.


DOCENTE: Lucía Estévez

Lucía Estévez é graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, cun Erasmus na Universidade Católica Portuguesa (Porto), onde afonda na creación e construción de personaxes.

O seu interese como directora céntrase no traballo actoral e no traballo de movemento en escena, explorando a relación entre corpo, emoción e cámara.

Actualmente atópase en fase de desenvolvemento da súa ópera prima As Defensas (Cósmica Producións). O proxecto participa no Programa Rueda e no Campus de Verán da Academia de Cine, ademais de formar parte do laboratorio Torino Film Lab, do SemilleruLab do Festival de Xixón —onde obtivo o Premio ao Mellor Guión—, do mercado do Festival du Nouveau Cinéma de Montreal e do programa de desenvolvemento I+P Incuba do Clúster Audiovisual Galego.

Traballa tamén como codirectora en series de televisión, entre as que destacan:

O Home perfecto (2025 – Episodios 4, 5 e 6) — CRTVG / Voz Audiovisual

Weiss e Morales (2024 – Episodio 3) — Portocabo / Nadcon / RTVE

Los argonautas y la moneda de oro (2022 – Episodios 11-20) — RTVE Clan / Portocabo

En 2021 gaña o Premio Mestre Mateo pola serie web Xan, cocreada co actor e director Miguel Canalejo.

Tamén escribe e dirixe diversas curtametraxes de ficción e documental, nas que percorre diferentes linguaxes e universos:

O neno sardiña (Cósmica Producións, 2023) — realismo máxico

O niño dos paxaros (Crecente Films, 2022) — a familia como motor creativo

Ambas estreáronse no Festival Internacional de Cine de Xixón.

Entre 2019 e 2023, forma parte da xira do Grupo Chévere coa obra Curva España, encargándose da realización audiovisual en directo.

DESTINATARIAS

A formación está dirixida a calquera persoa interesada en explorar o seu proceso
creativo e experimentar coas ferramentas que ofrece a arte do cinema.

Cancelación por parte do alumnado:

– Para cursos continuos (como ioga, pilates, coro, etc.), a cancelación debe realizarse como mínimo 15 días antes do inicio do mes seguinte. Así evitamos que se reserve unha praza para alguén que non vai continuar e podemos organizar os grupos mellor.

– A anulación do curso debe solicitarse por escrito, enviando un correo a queroaprender@escolaunitaria.com ou facéndoo presencialmente en Unitaria.

– En cursos ou obradoiros puntuais, as cancelacións poden facerse ata 15 días antes do seu inicio e devolverase o 50% do importe de inscrición.

– Unha vez comezado o curso/obradoiro/evento, non se devolverá o importe abonado, independentemente da causa de abandono.

– O prazo estimado para facer a devolución (nos casos que corresponda) será de 24 a 48 horas desde a notificación por parte de Unitaria.

Cancelación por parte de Unitaria:

Unitaria resérvase o dereito de suspender ou modificar datas e horarios de calquera curso, obradoiro ou evento se non se acada o número mínimo de persoas inscritas. Neste caso, comunicarase con antelación e indicarase a forma de devolución íntegra do importe.

INSCRICIÓN: un mail cos teus datos (NOME COMPLETO, DNI e TELÉFONO) e obradoiro no que queres participar: