
CONTOS COLORADOS: EN BOCA DE MULLER
Contos Colorados: en boca de muller é unha viaxe de volta á raíz, a ese lugar onde a retranca e o desexo se atopan arredor do lume ou na intimidade da lareira. Vero Rilo e Ánxeles Goás recollen a testemuña das nosas antepasadas para poñer voz a historias que, durante moito tempo, foron contadas en voz baixa.
A través dunha selección coidada de relatos da tradición oral, o espectáculo celebra o erotismo contado desde unha perspectiva feminista. Aquí o pracer non é un tabú, senón un motor de vida, liberdade e tamén de moito humor. Unha sesión para rir, sentir e recoñecernos nunha memoria colectiva que reivindica o corpo e a palabra sen censuras.
Sobre as artistas
Vero Rilo e Ánxeles Goás son dúas das grandes referencias da narración oral galega contemporánea. Cun estilo que combina a frescura da palabra viva co respecto profundo polas fontes tradicionais, teñen construído un universo propio que conecta de forma directa e íntima co público.
A súa unión sobre o escenario é sinónimo de calidade escénica, complicidade e presenza. A través da palabra, crean espazos de escoita nos que a emoción, a risa e o pensamento crítico conviven con naturalidade.