Un espazo para xente con FAME DE APRENDER.

O Proxecto UNITARIA naceu en maio do ano 2015 da man de Gonzalo Suárez e Fernando Lema, como un espazo multidisciplinar e colaborativo vencellado ás Industrias Culturais e Creativas de Galicia (ICC), xestionado pola Asociación de Amigos si, pero a Vaquiña polo que Vale e con base social na cidade de Santiago de Compostela. A súa actividade principal destínase ao desenvolvemento de accións formativas dirixidas a profesionais do sector e a público xeral con fame de aprender. No 2017 foi incluído no banco de boas prácticas da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, foi gañadora do 1º Premio Rodolfo Prada Á Xestión Cultural otorgado pola Deputación de Ourense, e foi seleccionada para formar parte da Constelación dos Comúns.

Quen somos

Os dous socios que timoneamos esta iniciativa coñecemos de primeira man a realidade do sector, tras anos de reinvención nos nosos percorridos profesionais. Sabemos que as Industrias Culturais e Creativas (ICC) son cada vez máis relevantes porque permiten converter a creatividade en produtos e servizos, sendo así a vía máis directa para traducir a cultura en impacto económico sobre o territorio. As ICC xeran emprego, pagan impostos, crean riqueza e melloran a competitividade, ademais de ser fundamentais na transmisión da identidade propia de Galicia. Unha industria cultural forte, que atenda á diversidade galega, ás novas formas de creación e ás realidades tecnolóxicas e produtivas do século XXI, é esencial para garantir a supervivencia das nosas manifestacións culturais e artísticas. Diversas experiencias en Galicia están fortalecendo e espallando a nosa identidade e idiosincrasia.

Por outra banda, entendemos que o emprendemento non sempre require grandes investimentos, xa que depende principalmente do talento e da creatividade, recursos inmateriais e, polo tanto, ilimitados. Con todo, tamén somos conscientes de que debe ser unha forma de vida sustentable para os profesionais do sector. Aínda que practiquemos unha especie de militancia na cultura, precisamos contar cos medios necesarios para dar continuidade ás iniciativas que responden aos intereses das persoas destinatarias. Dado o valor social que a cultura creativa achega á nosa comunidade, desde UNITARIA apostamos firmemente por facer posible que esta experiencia perdure no tempo.

De onde vimos

Tras a nosa colaboración no proxecto LAV – Laboratorio Audiovisual de Vedra, un espazo de encontro para accións formativas no eido audiovisual que gozou dunha gran aceptación e participación do público, detectamos unha carencia na oferta educativa específica e diversificada neste ámbito. UNITARIA xurdiu coa vontade de dar resposta a esta necesidade, así como ás que existen na industria en xeral, programando propostas innovadoras e actuais. A nosa misión é contribuír a que os profesionais non teñan que desprazarse fóra de Compostela ou de Galicia na procura deste tipo de formacións e servizos.

Impulsados polas nosas ganas e coñecementos, decidimos iniciar esta aventura investindo os nosos aforros, esforzos persoais e a paixón pola nosa profesión, implantando este proxecto sen financiamento externo (con algúns respiros grazas a colaboracións que apoiaron o proxecto). Así xurdiu UNITARIA, un espazo singular ubicado nunha antiga escola unitaria no barrio compostelán de San Pedro, unha contorna coñecida pola súa apertura, dinamismo, confluencia creativa e activa participación cidadá.

Ao longo de case dez anos de actividade, programamos centos de eventos educativos, artísticos e culturais. A nosa oferta foi medrando e diversificándose de maneira exponencial, sempre atendendo ás demandas recollidas, co obxectivo de promover o encontro e a colaboración entre profesionais e público, e de fomentar a divulgación e promoción da cultura en todas as súas formas.

A onde imos

Desde os seus inicios, UNITARIA baséase en tres piares fundamentais: a diferenciación, a calidade e o agarimo. Con seriedade e compromiso, enfocámonos no crecemento profesional e creativo do noso público, implementando accións innovadoras e atraendo a profesionais recoñecidos no sector, como Verónica Forqué, Cristina García Rodero, Juan Manuel Castro Prieto, Isabel Muñoz, Alberto García-Alix, Ramón Langa, Javier Jaén e Javirroyo, entre outros. Estes referentes, xunto con aqueles que comezan ou desenvolven con entusiasmo o seu percorrido, colaboran connosco no fortalecemento cultural e creativo da contorna.

En UNITARIA, mantemos sempre a porta aberta para xerar sinerxías que favorezan a construción e mellora colectiva. Entendemos que a unión de esforzos é esencial para non quedar polo camiño: conseguimos o que UNITARIA precisa para respirar (aínda que non sen dificultades en ocasións) e, ao mesmo tempo, ofrecemos aos profesionais un espazo no que desenvolverse, e ao alumnado a oportunidade de reciclar e ampliar os seus coñecementos. O noso obxectivo é que todas as persoas que pasan por esta casa, aínda que sexa de forma temporal, saian con ganas de volver.

A Base Social e Público

“Amiguiñas e amiguiños”

Numerosos apoios incondicionais rodean a Unitaria: amizades, familiares, veciñanza e profesionais de distintos sectores contribúen co seu gran de area para que este proxecto continúe vivo e non cese na súa actividade.

Colaboracións

Docentes, artistas e creadoras de diversos ámbitos contactan connosco, ou somos nós quen as contactamos, para levar a cabo as súas propostas. Contan cun espazo que se adapta ás súas necesidades e que se transforma con cada evento programado, converténdose en algo único e diferente en cada ocasión.

O público

Somos conscientes do uso tradicional que se dá á cultura, e por iso a nosa filosofía de traballo céntrase en xerar accións que favorezan a participación dun público prosumidor. Buscamos ir máis aló do mero consumo, promovendo a implicación das persoas nos formatos e nas experiencias que ofrecemos. O noso público obxectivo, procedente principalmente de Galicia, está composto por persoas que desexan mellorar de forma práctica o seu currículo, maximizar a súa empregabilidade a través da actualización e ampliación dos seus coñecementos previos, e participar de maneira activa no consumo dos produtos que se programan en UNITARIA.

O Obxectivo

Desenvolver accións multidisciplinares da ICC a través da posta en valor da formación, da calidade e da innovación favorecendo o intercambio de coñecementos e a divulgación da realidade do noso sector.

Obxectivos específicos:

Programar e executar propostas de aprendizaxe permanente dando resposta ás necesidades e inquedanzas educativas presentes no sector.
Difundir e apoiar o traballo de profesionais en activo, de persoas con inquedanzas e de accións do tecido asociativo e empresarial desde o punto de vista artístico, cultural e creativo.
Promover un público prosumidor que vaia máis aló do consumo tradicional.
Establecer lazos de colaboración e de apoio a través de espazos de encontro social, cultural e de traballo colaborativo.
Promocionar a realidade cultural e creativa do sector máis aló do noso territorio.

A Metodoloxía

A tarefa de formación é un elemento imprescindible na industria galega e polo tanto, tamén o é na nosa programación. Levamos a cabo formatos para a aprendizaxe baseados nos intereses, necesidades e motivacións do público, que tamén exercen como lanzadeiras doutras actividades que complementan a programación xerada desde o proxecto:

  • Espazos para a aprendizaxe que están baleiros na oferta dentro do sector: obradoiros, micro-obradoiros, parladoiros e outros formatos para o intercambio de coñecementos.
  • Eventos para a divulgación e a promoción: propostas que reforzan a programación xeral e destinadas á execución de diversas actividades ou experiencias. Estas á súa vez inciden na movilización de público e de participantes xerando a atención exterior e fluxos de visitas.
  • Eventos temáticos: Fun Fun Fun (autoedición), Vida Extra (consumo responsable, reciclaxe), Cacharage Against the Machine (sintetizadores e música electrónica)
  • Proxeccións audiovisuais
  • Representacións teatrais e danza
  • Presentacións de proxectos de literatura, cine, fotografía, experiencias de proximidade, etc.
  • Eventos musicais
  • Mesas redondas

#APRENDERÁS

0
Followers Facebook
0
Instagram
0
Aniños

XA PASARON POR AQUÍ…

2019-05-09T10:53:02+00:00

Cristina García Rodero

🏆 PREMIO NACIONAL DE FOTOGRAFÍA. A obra de Cristina García Rodero manifesta sempre un fondo interese polo comportamento humano, investigando sobre o home e o que o conforma: espiritualidade e corpo, para falar das dualidades da vida e das súas contradicións: relixioso-pagano, natural-sobrenatural, vida-morte, pracer-dor, guerra-paz, coidade-campo, novo-vello, terra-auga, homes-deuses, espíritos-terra, indagando sobre as tradicións e ritos que sobreviviron durante séculos e as novas crenzas e manifestacións, froito dos cambios económicos e políticos, das necesidades actuais e conflitos sociais.

Máis de Tropezentos estudantes xa pasaron por Unitaria

#aprenderás