Este domingo Galiza celebra a súa singular festa da democracia.
Todos sabemos, porque temos amigos, curmáns ou mesmo cuñados nisto da política (nós xa estamos de volta de todo), que non foi doado confluírmos nas vésperas electorais: os principios son firmes e as afinidades volubles e electivas (en primarias en todo caso, claro está).
No entanto, chegou a hora de confluírmos por fin todas e todos, porque o desenlace, sexa o que sexa, vai ser duro ou feliz para todos na mesma medida; e a borracheira, eufórica ou depresiva, sempre senta mellor en boa compaña. Unha ocasión para entoar os nosos: ‘Se xa o sabía eu’, ‘Era visto’, ‘e logo eu non advertín?’, ‘agora a ver que di o listo’… que acalmen as nosas conciencias.
Para amenizar a espera, que menos que gozar do acedo espectáculo dun humorista que vos gusta por igual a todas e todos independentemente da vosa orientación, Carlos Meixide, especialista en noites electorais (leva máis eleccións que ereccións no que vai de ano, disque)
co seu:
-monólogo satírico da actualidade política no que non deixará títere con cabeza (que pensará Xavier Alcalá deses títeres?) e…
-o quiz show, un fascinante xogo de preguntas e respostas por equipos para demostrardes que sodes os que máis sabedes de política galega da Galiza!!! Montade o voso equipo e competide rexamente contra eses veciños fachendosos que tan mal vos caen de sempre. Competide ademais, por un fermoso lote de produtos do voso escritor favorito, ehem, Carlos Meixide (1 exemplar de Ons, 1 exemplar de ‘Inge e Robbie’ e un ‘Disco Póstumo’ dos da Ría).
Música, bebida, empanadas…
En definitiva…
FEIJÓO, QUÉ NOCHE! Este domingo a partir das oito en UNITARIA!!!