Impartido por: Diego Vázquez Meizoso
Nivel: Iniciación
Duración: 12 h
Horario: Sábado de 10h a 14h e de 16h a 20h e Domingo de 10h a 14h
N.º de prazas: 15
Cuota de inscrición: 80 €
Datas: Sábado 6 e Domingo 7 de maio 2017.
DATA LÍMITE DE INSCRICIÓN: Venres 5 de maio.


QUERO FACER ESTE OBRADOIRO!!

DESCRICIÓN
Neste obradoiro teórico-práctico exploraremos os fundamentos da análise fílmica na idea do cine e outros contidos audiovisuais como ferramenta educativa tanto en contextos de educación formal como non formal e tanto traballando para público adulto, infantil como en actividades de tipo interxeracional. Tamén traballaremos distintos formatos de actividades educativas co cine como centro.

PROGRAMA
BLOQUE 1: Análise fílmica para principiantes.
Fundamentos técnicos de análise fílmica: tipos de planos, montaxe e uso dos elementos sonoros. Diéxese e extradiéxese.
A narración expandida: tipos de estruturas narrativas no audiovisual.
Os xéneros son fluídos: a mistura e borrado dos límites.
De intérpretes e personaxes: a evolución actoral na historia do cine.
Non todo vai ser longa: outros formatos no audiovisual.
EXERCICIOS PRÁCTICOS: Análise grupal de escenas de filmes e outros contidos audiovisuais, segundo os aspectos vistos no bloque.

BLOQUE 2: Actividades educativas sobre contidos audiovisuais. Organización e xestión.
Pílulas formativas ou actividades expandidas no tempo. Tipos de formatos segundo obxectivos.
Actividades infantís. “Obradoiros de pequenos cineastas” e outras propostas de desenvolvemento da creatividade e socialización a través do audiovisual.
Actividades para maiores. Traballar a memoria a través de contidos audiovisuais.
Actividades interxeracionais. “Clubs de cine”, formatos de encontro informal e reflexión en grupo, co estudo de contidos audiovisuais adaptados á tipoloxía de cada grupo.
EXERCICIOS PRÁCTICOS: Elaboración de propostas de actividades educativas por grupos, segundo os contidos teóricos vistos e coas claves que facilitará o docente.

DOCENTE:
Diego V. Meizoso é xestor cultural. Estudou filoloxía inglesa na USC, posgrao en xestión do mercado cultural e do ocio (UNED), posgrao en animación sociocultural, ocio e tempo libre (UNED), posgrado en sectores e industrias culturais (UOC), máster en xestión cultural, orientación profesional (UOC-UdG), diploma de creación e consolidación de empresas culturais e creativas (Fundación INCYDE), ademais de diversos cursos, seminarios e congresos sobre xestión cultural, educación social e animación-mediación cultural.
Traballou, entre outros, no Festival do Mundo Celta de Ortigueira, no Festival Internacional de Teatro Universitario de Galicia, nas actividades do 30 aniversario do Museo do Pobo Galego e na produción do ALT (festival alternativo das artes escénicas de Vigo) e do corpo(a)terra (festival de danza e artes do corpo de Ourense)
Tamén durante 8 anos na Rede Municipal de Centros Socioculturais do Concello de Santiago, coordinando os programas Vive o verán! (2009-2012), ou o programa Compostela Cine Classsics (2012-2014) Entre xaneiro de 2013 e marzo de 2016 foi responsable da programación da sala Agustín Magán, desenvolvendo o proxecto cultural por áreas de traballo (audiovisual, escena, educación/formación e manifestacións orais) implementado no espazo.
Como docente-facilitador ten impartido obradoiros e monográficos sobre xestión cultural, análise fílmica, teatro e desenvolvemento persoal ou traballo sobre a memoria a través do audiovisual en, entre outros, diversas asociacións, Concello de Santiago ou Escola Unitaria.
No eido audiovisual, ademais da coordinación do programa “Compostela Cine Classics”, foi coordinador da proposta “Os clásicos á rúa!” (2010-2012) para o Concello de Santiago, responsable da programación dos ciclos “Ollos delas (ciclo de miradas en feminino)”, “Comedia Mundo: as fronteiras da risa”, “Panorama dende os clásicos”, “FeitoAQUÍ (ciclo de audiovisual feito en Galicia)” ou “FamilyCINE! (ciclo de contidos audiovisuais alternativos para público infantil e familiar)” dentro da programación da sala Agustín Magán, comisario da exposición “Os cines de Compostela. Fotogramas da nosa historia”, crítico de cine e cronista de seccións en LaOffOffCrítica (2007-2010) e docente nos obradoiros “Obradoiro de cine para principiantes”, “Como ver cine clásico e non morrer no intento”, “Lab audiovisual: traballando a memoria” ou “Obradoiro de análise fílmica. Aprendendo a ver cine dende novas perspectivas”, tamén para o Concello de Santiago.

DESTINATARIOS
Persoas interesadas nos contidos audiovisuais como ferramenta para coñecer mellor a nosa contorna e o mundo no que vivimos, a través dos fundamentos da análise fílmica e de distintos tipos de actividades educativas a partir deses contidos. Docentes, animadores socioculturais, xestores, educadores ou monitores de tempo libre.

NECESIDADES
O que os alumnos/as precisen para tomar notas (caderno, tableta, portátil…)


QUERO FACER ESTE OBRADOIRO!!