PREPARA AS TÚAS ARTES DE SEDUCCIÓN
ESTA NOITE TES UNHA CITA CON PINCHACARNEIRO.

Presentamos unha comedia musical onde o amor florece e escacha aleatoriamente.
Un carrusel de primeiras citas retratando as caras menos idílicas do namoramento.
Amor de usar e tirar interpretado por actores de plástico.
Unha comedia musical sobre a adicción a emparellarse.

Podes ser racional, sosegado ou metódico, pero nalgún momento sentirás o batir das bolboretas e deixaraste levar….

Unha soa mirada pode provocar un pequeno Big-Bang no interior do bandullo. Tanto ten se a historia acaba en desastre, as bolboretas voltarán por ti unha e outra vez…

Un desfile de primeiras citas unidas pola droga máis adictiva de todas:
AMOR.

ELENCO
David Carrera
Marta Gómez
Sara Nieto
Liza G. Suárez
Fran Paz
Alberto Antelo

Pinchacarneiro teatro é unha compañía de teatro de nova formación caracterizada por
facer comedia ácida e irreverente.

A COMPAÑÍA
Nace en 2009 como compañía de teatro universitaria, e durante esta etapa consolídase como grupo e adquire un selo propio, caracterizado polo humor negro e absurdo, a creación dos seus propios textos e espectáculos, e unha crítica social e autocrítica latente na súa linguaxe.

En 2017 os integrantes da compañía rematan a súa formación universitaria e especialízanse en distintos campos das artes escénicas: xestión cultural, interpretación (ESAD, Pábulo Teatro e La Tuerka, entre outros), deseño gráfico, música, produción de espectáculos… En 2018 constitúense como compañía profesional coa produción de dous espectáculos que presentarán nos meses de setembro e outubro.

 

CURRÍCULO
Policía, ano 2010 (Premio ó mellor actor na XI Mostra de Teatro Universitario de Galicia). A comedia do Gurgullo, ano 2011. Baixarse ao Moro, ano 2012 (Premios á mellor dirección, actor e actriz na XIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia). Proxecto 45, ano 2013 (2º premio Xuventude Crea 2013, mellor actor e mencións especiais a mellor actriz e vestiario na XIV Mostra de Teatro Universitario de Galicia). Tralo Telón, ano 2014 (2º premio Xuventude Crea 2014, mellor dirección, espectáculo, actor e actriz na XV Mostra de Teatro Universitario de Galicia. 2º premio do XVII certame Candilejas- Don Bosco). Vilar de Inferno, 2015 (2º premio Xuventude Crea 2015). L, 2016 (2º premio Xuventude Crea 2016).