
ABRIR AS PALABRAS
INSCRICIÓN: un mail cos teus datos (NOME COMPLETO, DNI e TELÉFONO) e obradoiro no que queres participar:
DESCRICIÓN
Sempre estamos a reflexionar sobre a necesidade de vivir no presente como condición indispensable para que unha escena, unha secuencia, teñan vida, esquecéndonos de que non se trata máis que de escoitar, de reaccionar, de ser, de estar. Moi fácil de escribir e non tan fácil de facer, obviamente.
Nos anos de traballo e aprendizaxe con diversos colectivos amadores e profesionais, detectamos que unha das áreas de maior dificultade xorde en relación ao manexo da palabra. Son moitas as dúbidas que aparecen cando traballamos como intérpretes sobre textos creados previamente á hora de pasar da palabra escrita á palabra falada. Na vida, cando verbalizamos os nosos pensamentos e intuicións, podemos recoñecelos, empregalos e ser capaces de poñelos en acción.
Cando a inicios do século XX as integrantes do movemento naturalista describen o teatro como “un anaco de vida”, precisamente fan referencia a esa necesidade de frescura e naturalidade precisas para vivir unha serie de circunstancias imaxinarias como se fosen reais sobre as táboas, unha naturalidade que as crianzas desenvolven de maneira libre no seu ámbito de ocio, tamén no ámbito da palabra.
Trátase, ao fin ao cabo, de algo tan simple e ao tempo tan serio como entregarse á capacidade de xogar. Mais a integración natural do xogo como elemento cotián e inherente ao ser humano na infancia vai, polo xeral, perdendo espazos e tempos de práctica a medida que medramos. Quizais é unha boa idea tratar de (re) crear e compartir eses espazos de xogo e escoita. Quizais é un bo momento para experimentar e reflexionar arredor das múltiples e ilimitadas posibilidades que nos brinda o corpo da voz. Quizais, as palabras están aí agardando que lles aportemos vida, desexando ser abertas dende o xogo e a imaxinación.
PROGRAMA
• O autocoñecemento como base do oficio actoral
• O xogo e a imaxinación como elementos indispensables na creación
• A conciencia corporal e a liberación da voz
• Os parámetros expresivos da fala
• A escoita activa como motor da fala
• Traducir as palabras en accións
• Revelar o que non está escrito: o subtexto
DOCENTE: Melania Cruz
Entra en contacto co mundo da interpretación da man de Marga Portomeñe e posteriormente, ao tempo que remata Maxisterio por Lingua Estranxeira, cursa cinco anos na Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo ata que decide especializarse en Interpretación Textual na ESAD de Galicia e realiza un Posgrao en Pedagoxía Teatral pola Universidade de Vigo. Continúa formándose con distintos profesionais como Vicente Fuentes, Marianella Morena, Jeremy James, Cristina Domínguez, Nir de Volff, Laila Ripoll, Blandine Callais, Alfredo Sanzol, Verónica Forqué, Gracia Querejeta ou Falk Richter. Cofundadora da compañía A Quinta do Cuadrante, traballa como actriz en distintas compañías (ilMaquinario Teatro, 611 Teatro, Excéntricas, CDG, Teatro de Adro, Escénate, Ainé) e como pedagoga teatral en diversos colectivos e institucións. Debuta en audiovisual no filme A Esmorga. Protagoniza DHOGS, Contou Rosalía, Arima, Ons e Malencolía, e participa en Sicixia, Trote e María Solinha. Traballa en series como Urxencia Cero, Serramoura, Fontealba, Viradeira, A Estiba, Operación Marea Negra ou Now and then.
En 2016 recibe o premio María Casares a Mellor Actriz Protagonista por Xardín Suspenso, en 2018 o Mestre Mateo a Mellor Actriz Protagonista por DHOGS, en 2019 o Mestre Mateo como Mellor Actriz de Reparto por Trote, en 2020 o Premio Cinema Galego do FICBUEU á súa traxectoria profesional e en 2021 o Mestre Mateo a Mellor Actriz Protagonista por Ons.
DESTINATARIAS
Intérpretes (profesionales o amateurs), directoras/es, dramaturgas/os, docentes e toda persoa interesada no traballo de interpretación con textos diversos.
NECESIDADES
Roupa cómoda, botella de auga, lapis / boli, caderno e ganas de compartir aprendizaxes.
POLÍTICA DE DEVOLUCIÓN
A anulación do curso debe ser realizada presencialmente pola persoa inscrita en Unitaria ou a través de queroaprender@escolaunitaria.com
As cancelacións de cursos poden facerse ata 15 días antes do seu inicio e devolverase o 50% do importe de inscrición.
O importe non se devolverá nos caso de se o alumno/a decide deixar de asistir ao curso/obradoiro/evento unha vez comezado, calquera que sexa a causa.
O tempo estimado para a devolución do importe dun curso abonado por Internet, xa sexa por vontade do usuario ou por unha cancelación (e conforme ás condicións descritas), será de 24 a 48 horas desde a notificación da operación por parte da Unitaria.
POLÍTICA DE CANCELACIÓN
Unitaria resérvase o dereito de suspender o curso/obradoiro/evento ou modificar as datas e horarios indicados dependendo do número de alumnos matriculados, nese caso comunicarase a forma de devolución do importe abonado.