
ILUSTRA OUTUBRO
INSCRICIÓN: un mail cos teus datos (NOME COMPLETO, DNI e TELÉFONO) e obradoiro da ilustradora no que queres participar:
DESCRICIÓN
Celebramos o mes da ilustración na Unitaria con catro obradoiros para que perdas o medo a debuxar e te poñas creativo/a.
Serán obradoiros prácticos, con dinámicas e xogos guiados por catro ilustradoras galegas, todos os sábados do mes. Podes anotarte aos que queiras!
PROGRAMA
Debuxa con:
Obradoiros prácticos, onde a través de xogos e dinámicas pasaremos a mañá debuxando. Música, vermú e a crear!
Sábado 7 de outubro: Debuxa con Julia Lago
Sábado 14 de outubro: Debuxa con Maru Astray
Sábado 21 de outubro: Debuxa con Pía Piadosa
Sábado 28 de outubro: Carvado de selos e estampación téxtil manual con Cuchiflainas.
Realiza o teu propio deseño e aprende a crear un selo con el. Poderás realizar diversos estampados, xa sexan repetitivos por toda unha peza ou posicionais. Customiza prendas e tecidos e crea incluso os teus propios parches. Trae a túa camiseta básica e enchúlaa para crear unha peza única e orixinal.
Ao final do obradoiro cada persoa levará o seu propio selo para a casa.
DOCENTES
Julia Lago
Naceu na Coruña en 1994. Traballa dende hai máis de cinco anos como ilustradora especializada en proxectos de carácter editorial e publicitario.
Nas súas obras explora un trazo desenfadado, fresco e habitualmente colorista, que cobra protagonismo nos traballos realizados para EDP, Universidade de Vigo, O Papagaio o Krack, entre outros.
Compaxino a súa actividade como ilustradora freelance coa xestión da galería Grelería; un espazo ubicado no corazón da Coruña desde onde se organizan obradoiros, exposicións e actividades culturais vencelladas ao mundo artístico independente.
Entre os recoñecementos máis notables que recibiu a súa obra están o Premio Castelao de Banda Deseñada ou as axudas Injuve para a creación Artística. Ademáis, a súa obra foi exposta en espazos coma o Museo Reina Sofía, a sala Salvador de Madariaga, a Casa Museo Picasso ou a Sala Manuel Moldes.
Maru Astray
É ilustradora, titulada pola Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, obtivo despois un máster en deseño gráfico pola Escuela Superior de Diseño de Barcelona EsDesign.
O seu traballo tende a combinar as dúas disciplinas, creando imaxes que harmonizan unha paleta pechada de cores contrastadas cunha liña marcada e modulada.
Pía Piadosa
Sempre na marxe, voluntaria e involuntariamente. O periplo artístico de Natalia Pía atravesa o Atlántico dende Panamá ata Lugo, onde está (des)ubicada actualmente.
O seu traballo móvese da ilustración á cerámica pasando por experiencias en publicidade e cine. Actualmente é codirectora do encontro de fanzine e autoedición Vaia Vaia de Lugo.
Cuchi ou Cuchiflainas
É Xoana Pousa, Cuchiflainas é o pseudónimo que da nome ao seu proxecto de ilustración e moda. Graduada en Belas Artes, actualmente estuda Patronaxe e moda para completar a súa formación coma deseñadora.
Fan de facer un montón de obradoiros e agora tamén de impartilos, compaxina os estudos co seu traballo de ilustradora e a súa participación en diversos mercados creativos. As súas creacións van dende a autoedición (fanzines) e outros elementos en papel (pegatinas, láminas, postais…), ata a confección de prendas e accesorios (bolsas de tea, parches, camisetas…), destacan as pezas únicas, as prendas de segunda man intervidas e a suprarreciclaxe (“upcycled”).
DESTINATARIAS
Ilustradoras, artistas, e calquera persoa que quera perder o medo a debuxar ou reconectar co ser creativo que todas levamos dentro.
NECESIDADES
Para os obradoiros de Julia Lago, Maru Astray e Pía Piadosa: haberá papel e rotus, pero tamén podes traer os teus materiais de debuxo ou a túa libreta.
Para o obradoiro de Cuchiflainas: roupa que non che importe manchar ou unha bata/mandil e unha prenda (unha camiseta, por exemplo), preferiblemente lisa para estampar no obradoiro.
POLÍTICA DE DEVOLUCIÓN
A anulación do curso debe ser realizada presencialmente pola persoa inscrita en Unitaria ou a través de queroaprender@escolaunitaria.com
As cancelacións de cursos poden facerse ata 15 días antes do seu inicio e devolverase o 50% do importe de inscrición.
O importe non se devolverá nos caso de se o alumno/a decide deixar de asistir ao curso/obradoiro/evento unha vez comezado, calquera que sexa a causa.
O tempo estimado para a devolución do importe dun curso abonado por Internet, xa sexa por vontade do usuario ou por unha cancelación (e conforme ás condicións descritas), será de 24 a 48 horas desde a notificación da operación por parte da Unitaria.
POLÍTICA DE CANCELACIÓN
Unitaria resérvase o dereito de suspender o curso/obradoiro/evento ou modificar as datas e horarios indicados dependendo do número de alumnos matriculados, nese caso comunicarase a forma de devolución do importe abonado.