
TIPOGRAFÍA EXPERIMENTAL APLICADA AO DESEÑO EDITORIAL
INSCRICIÓN: un mail cos teus datos (NOME COMPLETO, DNI e TELÉFONO) e obradoiro no que queres participar:
DESCRICIÓN
Investigar e deseñar novas posibilidades de expresión tipográfica a través do xogo, a manipulación formal e a experimentación visual, aplicándoas ao contexto do deseño editorial como espazo de narrativa visual.
PROGRAMA
O obradoiro propón unha exploración da tipografía experimental aplicada ao deseño editorial, entendendo a letra como forma, textura e xesto visual. A través de referencias históricas e contemporáneas, analizaranse estratexias que rompen coa norma tipográfica para xerar novas narrativas visuais. Traballarase con técnicas manuais e dixitais de manipulación tipográfica, explorando o equilibrio entre lexibilidade e expresión. Tomarase como referencia as revistas independentes, pola súa liberdade formal e enfoque autoral, para desenvolver propostas tipográficas ou de lettering que dialoguen con este tipo de publicacións. A peza final será unha aplicación tipográfica editorial individual ou colectiva onde texto e imaxe se entrelacen de forma libre e crítica.
DOCENTE: Ana Moliz
Ana Moliz é deseñadora especializada en deseño editorial e tipografía. É directora de arte en Buenaventura Studio, profesora do Máster de Deseño Visual e do curso de Tipografía Dixital na escola de deseño La Gauss, ademais de cofundadora do blog Rayitas Azules e organizadora de Málaga Type, un evento tipográfico para persoas amantes das letras. Dende hai catro anos, escribe unha sección propia sobre tipografía na revista Gràffica, e ten impartido obradoiros e charlas tanto a nivel estatal como internacional. Actualmente, é delegada de ATypI en España, xunto con Laura Meseguer.
DESTINATARIAS
O obradoiro está dirixido a estudantes de deseño gráfico, profesionais do deseño editorial, deseñadores tipográficos en formación e creadoras e creadores visuais interesados na experimentación tipográfica. Tamén é axeitado para persoas con interese na autoedición, na creación de fanzines ou publicacións independentes, que desexen explorar novas formas de narrar visualmente a través da letra. Non se require experiencia previa en deseño tipográfico, pero si curiosidade por romper regras, ganas de xogar coa forma e sensibilidade editorial.
MATERIAIS INCLUÍDOS
O obradoiro inclúe materiais básicos para a experimentación gráfica e editorial, como soportes de papel variados, ferramentas de corte e pegado, útiles de debuxo, recursos para collage e encadernación sinxela, así como exemplos impresos e acceso a medios de reprodución para facer probas.
Lizenza de Glyphs para usar no obradoiro: https://glyphsapp.com/events/tipografia-experimental-2025
NECESIDADES
O alumnado deberá traer o seu propio ordenador portátil con software de deseño instalado (Adobe Illustrator, Photoshop e InDesign). O uso do software Glyphs non é obrigatorio, xa que todos os exercicios poden desenvolverse con Adobe Illustrator. Porén, aquelas persoas que dispoñan de Glyphs e desexen explorar a creación tipográfica dun xeito máis específico, poderán utilizalo libremente durante o obradoiro.
E como non: moitas ganas de aprender e pasalo ben.
Cancelación por parte do alumnado:
– Para cursos continuos (como ioga, pilates, coro, etc.), a cancelación debe realizarse como mínimo 15 días antes do inicio do mes seguinte. Así evitamos que se reserve unha praza para alguén que non vai continuar e podemos organizar os grupos mellor.
– A anulación do curso debe solicitarse por escrito, enviando un correo a queroaprender@escolaunitaria.com ou facéndoo presencialmente en Unitaria.
– En cursos ou obradoiros puntuais, as cancelacións poden facerse ata 15 días antes do seu inicio e devolverase o 50% do importe de inscrición.
– Unha vez comezado o curso/obradoiro/evento, non se devolverá o importe abonado, independentemente da causa de abandono.
– O prazo estimado para facer a devolución (nos casos que corresponda) será de 24 a 48 horas desde a notificación por parte de Unitaria.
Cancelación por parte de Unitaria:
Unitaria resérvase o dereito de suspender ou modificar datas e horarios de calquera curso, obradoiro ou evento se non se acada o número mínimo de persoas inscritas. Neste caso, comunicarase con antelación e indicarase a forma de devolución íntegra do importe.









