INICIACIÓN Á DIRECCIÓN

  • Impartido por: Lucía Estévez

  • Duración: 50h 

  • Horario: de 10:45h a 15:45h de luns a venres. 

  • N.º de prazas: 18

  • Fianza: 150€

  • Datas: do 20  ao 31 de outubro de 2025

  • Inclúe auga, café, té, doces e froita durante todo o obradoiro.

  • Lugar: Unitaria

INSCRICIÓN: fai click no seguinte botón para redirixirte á plataforma da ESCAC

DESCRICIÓN

O obradoiro INTRODUCIÓN Á DIRECCIÓN, impartido pola directora de cinema Lucía Estévez, está deseñado para comezar a descubrir a túa propia voz como cineasta. A formación propón explorar e gozar do proceso creativo, soltando a presión polo resultado final. Cada contexto social é distinto, por iso non hai dúas cineastas iguais.

Explorarase o significado de ser director/a na industria audiovisual actual, partindo das inquedanzas persoais que nos levan a querer dedicarnos á dirección cinematográfica.

Afondarase no impulso detrás de cada proxecto audiovisual. Cada participante poderá traer ideas e textos propios que lle inspiren, co obxectivo de desenvolver ao final do curso un dossier de dirección dun proxecto persoal.

OBXECTIVOS DO CURSO

  • Comezar a desenvolver unha identidade cinematográfica propia e única.

  • Comprender estruturas e ritmos narrativos para rodar unha escena.

  • Adquirir nocións básicas de dirección de actores.

  • Recoñecer a importancia do traballo en equipo e a creación dun entorno san e colaborativo.

Resultados da aprendizaxe

Coñecementos

  1. Coñecemento da linguaxe cinematográfica e das posibilidades da posta en escena, planificación visual, iluminación, son e montaxe.

  2. Identificación das posibilidades de distintas cámaras segundo o proxecto.

  3. Nocións básicas sobre estilos, xéneros e procesos de produción cinematográfica.

Habilidades

  1. Creatividade e visión artística: desenvolver un estilo propio.

  2. Comunicación eficaz: inspirar ao equipo e entender o valor do liderado.

  3. Planificación e xestión: organizar rodaxes, xestionar tempos e adaptarse a imprevistos.

Competencias

  1. Autonomía para emprender proxectos.

  2. Aplicación profesional dos coñecementos.

  3. Resolución de problemas e conflitos no set.

  4. Traballo en equipo e conciencia do impacto social do traballo audiovisual.


Requisitos previos

Recoméndase ter algunha noción sobre o funcionamento da industria audiovisual actual.

O obradoiro está dirixido a calquera persoa interesada en explorar o seu proceso creativo e experimentar coas ferramentas que ofrece a arte do cinema.


Bloques temáticos

  • Bloque 1: O significado de “ser director/a” na industria audiovisual actual

  • Bloque 2: A mirada e o proceso creativo: ¿Por que quero contar?

  • Bloque 3: A diversidade no audiovisual

  • Bloque 4: A idea e as referencias

  • Bloque 5: Os personaxes

  • Bloque 6: Planificación e improvisación

  • Bloque 7: Lecturas e traballo co equipo

  • Bloque 8: O traballo no set: equipo técnico

  • Bloque 9: O traballo na mesa e no set: dirección de actores

  • Bloque 10: Laboratorios e axudas á escrita e dirección


Avaliación acreditativa das aprendizaxes

  • Avaliación continua (50%): Participación activa nas clases e nos exercicios prácticos semanais.

  • Traballo final (50%): Desenvolvemento dun dossier de dirección dun proxecto persoal.


Fontes de información básica

  • Antes de actuar (Anne Bogart)

  • Máis alá do espazo baleiro (Peter Brook)

  • Notas sobre o cinematógrafo (Robert Bresson)

  • Creatividade, S.A (Ed Catmull)

  • 27 personaxes en busca do ser (Claudio Naranjo)

  • O eneagrama (Helen Palmer)

  • Eneagrama e traballo sobre un mesmo (Antonio Pacheco)

  • Notas de dirección (Frank Hauser, Russel Reich)

  • No momento do pestanexo (Walter Murch)

  • Clown esencial (Alain Vigneau)

  • Sobre a técnica da actuación (Michael Chejov)

  • O actor invisible (Yoshi Oida)

  • O corpo poético (Jacques Lecoq)

  • Os tres lados do coitelo (David Mamet)

  • A arte de crear personaxes (David Corbett)

  • Salva ao gato (Blake Snyder)


DOCENTE: Lucía Estévez

Lucía Estévez é graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, cun Erasmus na UCP de Porto onde afonda na creación de personaxes. O seu interese como directora céntrase no traballo actoral e no traballo de movemento en escena.

Actualmente atópase en fase de desenvolvemento da súa ópera prima As Defensas (Cósmica Producións). O proxecto participa no Programa Rueda e no Campus de Verán da Academia de Cine, no laboratorio Torino Film Lab, no SemilleruLab do Festival de Xixón (onde gaña o Premio ao Mellor Guión), no mercado do Festival du Nouveau Cinéma de Montreal e no programa de desenvolvemento I+P Incuba do Clúster Audiovisual Galego.

Traballa como codirectora nas series O Home perfecto (2025 – Episodios 4, 5 e 6) (CRTVG, Voz Audiovisual), Weiss e Morales (2024 – Episodio 3) (Portocabo, Nadcon, RTVE), Los argonautas y la moneda de oro (2022 – Episodios 11-20) (RTVE CLAN, Portocabo).

En 2021 gaña o Premio Mestre Mateo pola serie web Xan, cocreada co actor e director Miguel Canalejo. Escribe e dirixe diferentes curtametraxes de ficción e documental nas que viaxa dende o realismo máxico en O neno sardiña (Cósmica Producións, 2023) ata a familia como motor de creación en O niño dos paxaros (Crecente Films, 2022). Ambas as dúas teñen a súa estrea no Festival Internacional de Cine de Xixón. Entre 2019 e 2023 está de xira co Grupo Chévere na obra Curva España, ocupándose da realización audiovisual en directo.

Financiado por: Ministerio de Cultura, ICAA e Fondos Next Generation da Union Europea.

Cancelación por parte do alumnado:

– Para cursos continuos (como ioga, pilates, coro, etc.), a cancelación debe realizarse como mínimo 15 días antes do inicio do mes seguinte. Así evitamos que se reserve unha praza para alguén que non vai continuar e podemos organizar os grupos mellor.

– A anulación do curso debe solicitarse por escrito, enviando un correo a queroaprender@escolaunitaria.com ou facéndoo presencialmente en Unitaria.

– En cursos ou obradoiros puntuais, as cancelacións poden facerse ata 15 días antes do seu inicio e devolverase o 50% do importe de inscrición.

– Unha vez comezado o curso/obradoiro/evento, non se devolverá o importe abonado, independentemente da causa de abandono.

– O prazo estimado para facer a devolución (nos casos que corresponda) será de 24 a 48 horas desde a notificación por parte de Unitaria.

Cancelación por parte de Unitaria:

Unitaria resérvase o dereito de suspender ou modificar datas e horarios de calquera curso, obradoiro ou evento se non se acada o número mínimo de persoas inscritas. Neste caso, comunicarase con antelación e indicarase a forma de devolución íntegra do importe.

INSCRICIÓN: fai click no seguinte botón para redirixirte á plataforma da ESCAC