FOGAR.
CURSO DE TEATRO BIOGRÁFICO

  • Impartido por: Tito Asorey

  • Duración: 20 horas (4 días)

  • Horario: de 10:30h a 15:30h

  • N.º de prazas: 12

  • Cuota de inscrición: 120€

  • Inclúe auga, café, té, doces e froita durante todo o obradoiro.

  • Datas: do 4 ao 7 de xullo de 2022

INSCRICIÓN: un correo cos teus datos (NOME COMPLETO, DNI e TELÉFONO) e obradoiro no que queres participar:
FOTOS: Lucia R. Regueiro, Aitor Uve e Aigi Boga

DESCRICIÓN

Se pensamos na palabra Fogar cada un de nós terá na súa cabeza un lugar diferente. Poida que algúns non pensemos nun espazo, e a outros nin sequera nos apeteza oír falar de ter un. Poida que na vertixe da vida contemporánea, este fogar vaia cambiando cada vez con máis rapidez, como cambian os nosos referentes, as nosas preferencias, os nosos costumes.


Este taller nace coa idea de crear un espazo no que conflúa o individual co colectivo, un lugar para iniciar procesos, para sementar futuros espectáculos, ou simplemente para establecer un encontro con diferentes creadores que confronten perspectivas escénicas partindo dun mesmo concepto: a reflexión sobre o fogar, sobre a raíz, sobre o que se supón que nos é propio.


Nun mundo tan cambiante como o actual, onde se pode atopar un fogar? Por cantas casas pasamos nos últimos anos? Por cantas pasaran os nosos pais á nosa idade? Pode unha casa ser un fogar? Ese concepto está máis dentro ou fóra de nós mesmos? Pode unha sala de cine ser un fogar? Unha sala de ensaios? Unha aplicación? Unha rede social? Un recordo? Unha parella é un fogar? Realmente un fogar é un lugar no que vivir sen medo? Onde radica a nosa raíz? Que estamos dispostos a facer para defender o noso fogar? E a nosa felicidade?


Partindo do material biográfico de todos os participantes trataremos de abordar esa temática desde diversas perspectivas, tan variables como individuos convivan neste espazo de encontro.

PROGRAMA

A metodoloxía será eminentemente aberta e participativa, fomentando a aprendizaxe cooperativa baseada na creatividade e no desenvolvemento do pensamento analítico e crítico, deixando así lugar para reflexionar sobre as cuestións expostas e traballadas.

Traballaremos a exploración do corpo e a voz como canles de expresión e comunicación, empregando tamén materiais persoais tales como fotografías, cartas, cancións, fragmentos de obras literarias, recortes de xornais ou produción de textos escritos a través dos que buscar e seleccionar elementos que poidan ser transformados en feito escénico.

O obradoiro está estruturado en tres fases:
•1 Compilación e creación de materiais en base a unha serie de preguntas propostas polos docentes. A comunicación cos participantes nesta primeira fase será previa ao encontro persoal e físico e terá lugar vía correo electrónico.
•2 Exploración colectiva arredor do termo “fogar”. Nesta segunda fase, a máis extensa e que ten lugar no encontro presencial cos participantes, exploraremos unha serie de dinámicas de creación individual e colectiva botando man de determinados materiais xerados na primeira fase, creando materiais novos a partir das propostas dos docentes así como de todos os participantes do obradoiro.
•3 Creación de micropezas. Nesta terceira fase trataremos de dar forma a diferentes propostas escénicas individuais e/ ou colectivas a partir dos materiais creados e traballados nas dúas fases anteriores. Con este traballo pretendemos abrir novas perspectivas de creación que poidan desembocar na construción de pequenas mostras ou espectáculos sustentados en dramaturxias propias.

DOCENTE: TITO ASOREY

Compaxina dende o ano 2000 a súa dobre faceta como actor e director de escena, tratando de establecer unha retroalimentación o máis frutífera posible entre estes dous oficios.

http://www.titoasorey.com

DESTINATARIAS

Intérpretes de teatro ou danza, dramaturgos/as, directores/as, e en xeral todas aquelas persoas que desexen explorar o feito escénico dende unha perspectiva contemporánea baseada nas premisas do teatro biográfico.

NECESIDADES

Os participantes deberán traer:
Roupa cómoda
1 música
5 fotografías
1 obxecto
(a razón e especificidades destas necesidades se enviaran nun correo a cada participante)

POLÍTICA DE DEVOLUCIÓN

A anulación do curso debe ser realizada presencialmente pola persoa inscrita en Unitaria ou a través de queroaprender@escolaunitaria.com
As cancelacións de cursos poden facerse ata 15 días antes do seu inicio e devolverase o 50% do importe de inscrición.
O importe non se devolverá nos caso de se o alumno/a decide deixar de asistir ao curso/obradoiro/evento unha vez comezado, calquera que sexa a causa.
O tempo estimado para a devolución do importe dun curso abonado por Internet, xa sexa por vontade do usuario ou por unha cancelación (e conforme ás condicións descritas), será de 24 a 48 horas desde a notificación da operación por parte da Unitaria.

POLÍTICA DE CANCELACIÓN

Unitaria resérvase o dereito de suspender o curso/obradoiro/evento ou modificar as datas e horarios indicados dependendo do número de alumnos matriculados, nese caso comunicarase a forma de devolución do importe abonado.

INSCRICIÓN: un correo cos teus datos (NOME COMPLETO, DNI e TELÉFONO) e obradoiro no que queres participar: