
CHARLA: DEBUXO, LOGO PENSO
DESCRICIÓN
A creatividade é un trazo universal, presente en animais, plantas e, por suposto, nas persoas. Javirroyo, ilustrador e autor do libro Dibujo, Luego Pienso, guíanos nun percorrido pola súa visión da creatividade como ferramenta esencial para comunicarnos mellor, ordenar ideas, descubrir novos mundos e, incluso, procrastinar con estilo.
Nesta charla, aprenderemos:
Como aplicar a creatividade ao traballo e á vida diaria.
Estratexias para conectar ideas e xerar conceptos de alto impacto.
Métodos para exercitar a nosa mente creativa sen necesidade de experiencia previa no debuxo.
Nunha era onde a Intelixencia Artificial cuestiona a nosa suposta superioridade, este “ximnasio creativo” está pensado para equiparnos con ferramentas prácticas e lúdicas que nos axuden a traballar as ideas con potencia e sinxeleza.
Xogaremos a ser mineiros de ideas, descubrindo que a creatividade está en todas partes… e que o futuro pode ser máis divertido, mesmo se acabamos substituídos por robots!
Non deixes pasar esta oportunidade para desbloquear o teu potencial creativo!
DOCENTE: JAVIRROYO
Javirroyo é un artista e ilustrador que colabora en diferentes medios. Debuxou varios libros sobre creatividade e feminismo: Life is Sho, Homo Machus, Laborachismo e Debuxo, logo penso son os máis recentes. Premio Graffica 2020. En 2021, lanzou a súa primeira colección de NFTs, Talking Heads, conectando a arte e o social. Embajador español de Positively Men da UNESCO. Premio Home Progresista 2023 polo seu compromiso coa igualdade.
“A miña paixón é escribir con palabras, esquemas e debuxos. O obxectivo é contar cousas usando todo o que teñas arredor para mostrar aquilo que quero. Nos meus debuxos gústame falar da morte, do sexo, do amor, das amizades e das relacións humanas. Ás veces dérivome a temas de actualidade, que ao final tamén son falar de amor e desamor, de traizóns, vinganzas ou, en definitiva, de relacións humanas.”







































