O MUNDO DENTRO DUN CADRADO

OBRADOIRO DE DRAMATURXIA

  • Impartido por: Ernesto Is

  • Duración: 20 horas (4 días)

  • Horario: de 10:30h a 15:30h

  • N.º de prazas: 12

  • Cuota de inscrición: 105€ ata o 4 de xuño, 120€ do 4 de xuño en adiante.

  • Inclúe auga, café, té, doces e froita durante todo o obradoiro.

  • Datas: do 20 ao 23 de xuño de 2022

INSCRICIÓN: un correo cos teus datos (NOME COMPLETO, DNI e TELÉFONO) e obradoiro no que queres participar:

DESCRICIÓN

A dramaturxia é a arte da reprodución e representación das accións humanas. Coas ferramentas básicas do texto dramático construímos mundos e deseñamos situacións para ser levadas a escena. Personaxes, tempos, espazos e conflitos son os catro vértices do drama, as esquinas do ‘cadrado máxico’ no que acontece o feito teatral.

Este obradoiro ofértase a todas aquelas persoas interesadas no teatro e na arte de contar historias. Desde unha concepción eminentemente práctica, coñeceremos e traballaremos na aula cos elementos necesarios para a elaboración dunha pequena dramaturxia.
O obxectivo principal do curso é desenvolver e potenciar as habilidades creativas das participantes, dotándoas de recursos dramáticos e orientándoas na creación das súas propias escenas para o escenario.

PROGRAMA

A metodoloxía das aulas combinará breves explicacións teóricas coa lectura e análise de textos dramáticos e o visionado de vídeos. Así tamén, formularanse algúns exercicios prácticos de escrita e composición que permitan afianzar os contidos e potenciar a creatividade e o estilo das participantes.

A DRAMATURXIA: ARTE E OFICIO

Definición de dramaturxia.
A singularidade da escrita dramática.
Liñas de creación.
Mímese / Diéxese.
Verosimilitude
Referentes.

ESCRIBIR TEATRO: AS FERRAMENTAS DO DRAMA

Estrutura interna e externa.
Personaxes e conflitos.
Espazo(s).
Tempo(s).
Oralidade escénica: monólogo, soliloquio, diálogo.
As didascalias.

DESEÑAR HISTORIAS

O que e o como: punctum.
Escrita e presentación de escenas.
Análise e comentarios.

OBXECTIVOS

DEFINIR e TRABALLAR o concepto “drama”.
COÑECER as ferramentas para a escrita teatral.
EXPERIMENTAR coa escrita.
ATOPAR e DEFINIR o que e o como das nosas historias.
ANALIZAR referentes.
CREAR mundos de ficción.
ESCRIBIR escenas breves.

DOCENTE: ERNESTO IS

Titulado superior en dramaturxia pola ESAD de Galicia, ten estudos de realización e produción audiovisual. Amplía a súa formación con diversos obradoiros impartidos por Alfredo Sanzol, Paula Carballeira, Antonio Rojano, Bárbara Colio ou Sergio Blanco, entre outros profesionais da escena.

Ademais de ser dramaturgo, traballa como narrador oral, dinamizador cultural e profesor de teatro e escrita dramática para diversas entidades e institucións. Membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, colabora co programa Zigzag Diario da TVG na sección de artes escénicas e coa revista viguesa de ocio cultural A Movida.

No ano 2016, gaña, ex aequo, o Premio ‘Abrente’ da MIT de Ribadavia coa obra Fendas. En 2017, obtén o Premio ‘Rafael Dieste’ de Textos Teatrais da Deputación da Coruña con Despois das ondas, monólogo sobre a actriz franco–galega María Casares que foi levado a escena por ButacaZero en 2019; montaxe pola que foi candidato a mellor texto orixinal nos XXIV Premios ‘María Casares’ da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Volve gañar o Premio Abrente con Profetas na edición de 2021.

Participou no VI Programa de ‘Dramaturgias Actuales’ do INAEM (2017), dando como resultado o texto El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas. No 2018, forma parte do grupo de traballo para a escrita teatral ‘DramaturXa’ do Centro Dramático Galego, no que desenvolve a peza Onde veñen morrer as baleas baixo a coordinación de Manuel Lourenzo. En 2020, os teatros Arriaga (Bilbao), Victoria Eugenia (Donostia) e Principal (Vitoria) seleccionaron o seu proxecto Canciones amarillas para flores tristes no programa Antzerkigintza Berriak de novas dramaturxias. En 2021, escribe a peza de teatro documental Relato para un incendio ao abeiro da primeira bolsa de dramaturxia e creación do sector teatral, impulsada pola Agadic a través do Centro Dramático Galego.
Membro e fundador de Feira do Leste (Exilio das Moscas e Tras Tannhäuser —axudas á Creación Joven do INJUVE—), ten escrito textos tamén para as compañías Señora Supina (Hotel Europa) e Inversa Teatro (O Péndulo).

DESTINATARIAS

Persoas vencelladas ás artes escénicas, apaixonadas da literatura, do teatro, do cinema ou da arte de contar historias.

NECESIDADES

As alumnas/os deberán traer ao curso algún soporte para a escrita, así como unha fotografía (impresa ou revelada) de calquera temática ou xénero.

Antes do inicio do curso é recomendable —mais non obrigatorio— ler a peza Litoral, de Wajdi Mouawad, publicada por KRK Ediciones en 2010.

MATERIAL INCLUÍDO

Textos que se traballarán na aula (fragmentos aportados polo docente)
As oito da tarde cando morren as nais, AveLina Pérez. XERAIS, 2019.
Lonxe (Far Away), Caryl Churchill. GALAXIA, 2010.
El jardín quemado, Juan Mayorga. LA UÑA ROTA, 2014.
Despois das ondas, Ernesto Is. GALAXIA, 2022.

POLÍTICA DE DEVOLUCIÓN

A anulación do curso debe ser realizada presencialmente pola persoa inscrita en Unitaria ou a través de queroaprender@escolaunitaria.com
As cancelacións de cursos poden facerse ata 15 días antes do seu inicio e devolverase o 50% do importe de inscrición.
O importe non se devolverá nos caso de se o alumno/a decide deixar de asistir ao curso/obradoiro/evento unha vez comezado, calquera que sexa a causa.
O tempo estimado para a devolución do importe dun curso abonado por Internet, xa sexa por vontade do usuario ou por unha cancelación (e conforme ás condicións descritas), será de 24 a 48 horas desde a notificación da operación por parte da Unitaria.

POLÍTICA DE CANCELACIÓN

Unitaria resérvase o dereito de suspender o curso/obradoiro/evento ou modificar as datas e horarios indicados dependendo do número de alumnos matriculados, nese caso comunicarase a forma de devolución do importe abonado.

INSCRICIÓN: un correo cos teus datos (NOME COMPLETO, DNI e TELÉFONO) e obradoiro no que queres participar: