
ESFREGA JAM
Fotografías: Denís Estévez
DESCRICIÓN
Que é a ESFREGA Jam?
A ESFREGA Jam é unha festa/encontro único onde as diferentes manifestacións artísticas se entrelazan para “esfregarse” a gusto nunha experiencia creativa e libre!
Este evento busca fomentar un espazo de convivencia artística no que a improvisación sexa o fío condutor, combinando disciplinas como a danza, a música, a fotografía e a videocreación. Todo isto a modo de Jam session, permitindo que o fluír do momento sexa a principal ferramenta de creación.
Como funciona?
O encontro terá unha duración aproximada de dúas horas e media, durante as cales todas as persoas interesadas, con ou sen experiencia nas artes mencionadas, están máis que convidadas a participar. Non importa se nunca improvisaches antes ou se es un profesional da arte: o importante é gozar e deixar voar a creatividade.
A dinámica é sinxela e aberta: podes entrar e saír do espazo cando queiras, sempre mantendo o respecto cara ás persoas presentes e cara ao propio lugar. A liberdade de movemento e de expresión é a clave deste evento, onde cada quen pode experimentar e crear sen xuízos.
DRESS CODE (opcional, pero divertido!)
Para celebrar a chegada do inverno e invocar a súa maxia, animámoste a engalanarte coas súas cores: branco, prata e as súas variacións. Deste xeito, contribuiremos a unha estética invernal que non só creará unha atmosfera especial senón que tamén proporcionará un material visual moi interesante para as persoas que se dediquen a capturar o evento en fotos ou vídeo. Un pequeno toque extra para facer desta experiencia algo memorable!
Ven, experimenta, comparte e esfrega a túa arte connosco! ✨
Organiza: Elsa Pereira
Baila, coida das súas plantas e investiga sobre as artes do movemento. Formouse principalmente en Santiago e no Porto, onde realizou o FAICC (Programa de Formación Avanzada en Interpretación e Creación Contemporánea).
Facilita proxectos de danza en espazos non convencionais para reactivar olladas e patamares aparentemente marcianos, como a Esfrega Jam.
Xunto a Fonsi Millán, crea o Colectivo Cru, unha proposta que aposta pola improvisación como motor de composición e que percorre espazos moi diversos e festivais feitos con moito agarimo.
Imparte aulas de danza de xeito regular, propón os obradoiros “Site Specific” (corpo-espazo) e “Derivas Sonoras” para mapear territorios urbanos e crear camiños do desexo propios.



