
A PEITO DESCUBERTO
NOTAS DA CREADORA
“Aleitar á miña filla é das experiencias máis salvaxes que teño atravesado na vida, e compartir un acto tan íntimo en escena, sitúame nunha posición de extrema vulnerabilidade. Asumir este risco semellaba impensable antes de ser nai, pero agora sinto a absoluta necesidade de facelo, e de convertir a miña viaxe nunha narrativa compartida, nunha ferramenta de apoio para outras nais lactantes”
Marta Carrillo
“Quería trasladar ao contexto teatral a esencia dos grupos de apoio á lactancia e á crianza. Crear espazos onde poder desafogar sen sentirnos xulgadas. Compartir sen filtros a nosa vivencia da maternidade de nai a nai, permitíndonos normalizar aquilo que nos provoca angustia, para alixeirar cargas físicas e mentais”
Marta Carrillo
SOBRE O ESPECTÁCULO
Marta é actriz, mestra de Pilates e nai lactante. Perfeccionista ata o extremo, durante o embarazo puxo todos os seus esforzos en prepararse a nivel físico e mental, pero a teoría sempre é máis doada que a práctica. Tras un parto duro, establecer a lactancia convértese nun pesadelo e transitala atravesando todas as súas fases ata o destete, nunha auténtica aventura. A peito descuberto é un espectáculo íntimo de pequeno formato que nace de situacións persoais desesperadas plasmadas na aplicación de notas do seu teléfono móbil. Oscila entre o teatro documental, a narración oral, a análise social e a “stand up comedy”. Un percorrido en forma de diario persoal, onde a actriz Marta Carrillo sérvese da propia experiencia e das historias doutras mulleres, para abordar a lactancia materna poñendo voz a emocións comúns a todas elas.
SOBRE A CREADORA
Nace en Vigo hai 41 anos. Coreógrafa de todos os bailes de fin de curso da súa escola, milita na patinaxe artística ata os 16 anos, estudia Actividade Física e Deporte e máis tarde Interpretación, dando espazo así ás súas dúas paixóns, o Drama e o Movemento. Coma actriz traballa sobretodo no audiovisual, participando en series coma O Faro, Fontealba, Dalia a modista ou Serramoura. “A peito descuberto” é o seu primeiro espectáculo teatral, un salto sen rede onde escribe, dirixe e interpreta o seu papel máis persoal ata agora, a súa propia experiencia coma nai lactante.
INFORMACIÓN BÁSICA:
Idioma: Galego e castelán..
Duración : 50 minutos.
Audiencia: Público adulto.
FICHA ARTÍSTICA
En escena: MARTA CARRILLO
Dramaturxia e dirección MARTA CARRILLO
Escrita: MARTA CARRILLO
Deseño gráfico: IRIA DAPENA
Fotografía e vídeo: OLALLA DAPENA