POÑER EN VOZ A PALABRA ESCRITA

  • Impartido por: Melania Cruz & Tito Asorey

  • Duración: 25 horas (5 días)

  • Horario: de 10:35h a 15:35h

  • N.º de prazas: 12

  • Cuota de inscrición: 150€

  • Inclúe auga, café, té, doces e froita durante todo o obradoiro.

  • Datas: do 15 ao 19 de xullo de 2024

INSCRICIÓN: un correo cos teus datos (NOME COMPLETO, DNI e TELÉFONO) e obradoiro no que queres participar:
FOTOS: Lucia R. Regueiro, Aitor Uve e Aigi Boga

DESCRICIÓN

É evidente que o poder da imaxe no noso mundo actual é omnipresente.
Continuamente estamos recibindo unha enorme cantidade de información visual a través xa non tanto do mundo real como dese mundo expandido que levamos no peto e que consultamos nunha media de 150 veces ao día. Vivimos nun mundo onde semella evidente que:

“Unha imaxe vale máis que mil palabras”.

Pero para comprender ese concepto usamos iso. Palabras. Exactamente sete palabras.
Unha
Imaxe
Vale
Máis
Que
Mil
Palabras

Durante moito tempo as artes escénicas renegaron da palabra, centrándose no corpo performativo como vehículo para acadar unha suposta verdade. Desde hai anos estase producindo un retorno á palabra como motor da acción, como vehículo de expresión, como posibilidade infinita de ferramenta de axitación emocional e racional. E aí, nese interese pola fala, pola palabra, pola comunicación oral, é onde se inscribe este obradoiro.

Neste curso tentaremos reivindicar o poder da palabra como vehículo de expresión humana e artística, potenciando as ferramentas que cada un de nós pode ter e presentando un método de traballo no que cheguemos, dun xeito satisfactorio, a converter a palabra escrita en vida, en acción, en realidade.
Este obradoiro de cinco días é un intensivo de técnica textual enfocado a proporcionar un conxunto de ferramentas e procedementos que nos poidan axudar á hora de enfrontarnos cun texto escrito. Traballaremos poesía, prosa, escenas teatrais e secuencias audiovisuais para tentar achegarnos á palabra desde varias perspectivas.
Pero a exploración arredor da palabra non é un territorio reservado ao ámbito teatral ou audiovisual, senón que conecta directamente co que se retrata a través deles: a necesidade natural de expresión na vida.

PROGRAMA

OBXECTIVOS XERAIS

Formular e poñer en práctica procedementos e técnicas que permitan abordar o traballo de interpretación a través dun texto escrito.
Valorar a expresión oral como medio para recoñecer e poñer en acción pensamentos, sensacións, emocións e intuicións.
Profundar nos procesos de análise, emisión e recepción da palabra.

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS

Comprender os mecanismos de emisión de voz a nivel anatómico dun xeito práctico. A diferencia entre mecanismo de peito e mecanismo de cabeza.
Aprender a ler e analizar un texto dramático en termos de acción.
Asimilar a importancia da escoita activa como elemento fundamental da interpretación.
Aprehender como a forma da escrita nos pode dar as pistas adecuadas para a súa elocución.
Capacitar as persoas asistentes para optimizar o emprego da palabra en termos de rexistro, claridade e textura.
Comprender a base dun traballo en continuidade e como diferenciar a linguaxe escrita da oral en termos de técnicas.

METODOLOXÍA

O obradoiro terá lugar en sesións prácticas centradas no traballo sobre os seguintes materiais:
Traballo de expansión vocal e análise da ferramenta física coa que contamos.
Traballo sobre poesía.
Traballo sobre prosa literaria.
Traballo sobre escenas dramáticas.
Traballo sobre secuencias audiovisuais

DOCENTE: MELANIA CRUZ

Cofundadora da compañía A Quinta do Cuadrante con Tito Asorey, traballa como actriz en distintas compañías (ilMaquinario Teatro, 611 Teatro, Excéntricas, CDG, Teatro de Adro, Escénate, Ainé) e como pedagoga teatral en diversos colectivos e institucións públicas e privadas.

Debuta en audiovisual no filme A Esmorga. Protagoniza DHOGS, Contou Rosalía, Arima, Ons e Malencolía, e participa en Sicixia, Trote, María Solinha, O tirabeque e Os espazos en branco. Traballa en series como Serramoura, Fontealba, Viradeira, A Estiba, Operación Marea Negra, La unidad, Now and then, Apagón e Rapa.

En 2016 recibe o premio María Casares a Mellor Actriz Protagonista por Xardín Suspenso, en 2018 o Mestre Mateo a Mellor Actriz Protagonista por DHOGS, en 2019 o Mestre Mateo como Mellor Actriz de Reparto por Trote, en 2020 o Premio Cinema Galego do FICBUEU á súa traxectoria profesional, en 2021 o Mestre Mateo a Mellor Actriz Protagonista por Ons e en 2022 o Premio da Cultura Galega en Artes Escénicas. Actualmente está en xira co espectáculo Continente María, un diálogo escénico con María Casares, coproducido por A Quinta do Cuadrante, Ainé, o Concello da Coruña e o CDG.

DOCENTE: TITO ASOREY

Tito Asorey compaxina desde o ano 2000 a súa dobre faceta como actor e director de escena, tratando de establecer unha retroalimentación o máis frutífera posible entre estes dous oficios. Outro aspecto da súa actividade que é preciso destacar é a súa dedicación á docencia teatral en varias institucións e centros educativos. Desde o ano 2018 é tamén locutor de audiolibros, levando a cabo máis de de 14 proxectos, entre eles clásicos da literatura como Los gozos y las sombras de Torrente Ballester ou moitas das obras de Camilo José Cela.

Como actor participou en máis de 25 espectáculos teatrais profesionais, e en series como Serramoura, Fariña, Servir y Proteger, Valeria ou Pazo de Familia. Como director foi responsable de máis de 20 espectáculos profesionais, nos que destacan O Home Almofada, Perplexo, Resaca, Fariña, Somos Criminais, A Lúa vai encuberta, Unha inimiga do pobo ou Continente María.

A súa formación provén básicamente do seu propio autodidactismo e práctica, os seus estudos na ESAD de Galicia, onde se gradúa como Director de Escena, e o seu paso pola Compañía Nacional de Teatro Clásico, onde exerce o cargo de axudante de dirección e coordinador pedagóxico da Joven Compañía de Teatro Clásico.
Entre os premios recibidos, conta con 8 Premios María Casares, sendo candidato en diversas categorías noutras 16 ocasións máis. Foi tamén en catro ocasións candidato aos Premios MAX e dúas veces ao Premio da Asociación de Directores de Escena de España.

http://www.titoasorey.com

DESTINATARIAS

Intérpretes -profesionais ou non-, directoras/es, dramaturgas/os, docentes e toda persoa interesada no mundo da interpretación e da expresión oral.

NECESIDADES

Os participantes deberán traer: roupa cómoda e ganas, moitas ganas.

POLÍTICA DE DEVOLUCIÓN

A anulación do curso debe ser realizada presencialmente pola persoa inscrita en Unitaria ou a través de queroaprender@escolaunitaria.com
As cancelacións de cursos poden facerse ata 15 días antes do seu inicio e devolverase o 50% do importe de inscrición.
O importe non se devolverá nos caso de se o alumno/a decide deixar de asistir ao curso/obradoiro/evento unha vez comezado, calquera que sexa a causa.
O tempo estimado para a devolución do importe dun curso abonado por Internet, xa sexa por vontade do usuario ou por unha cancelación (e conforme ás condicións descritas), será de 24 a 48 horas desde a notificación da operación por parte da Unitaria.

POLÍTICA DE CANCELACIÓN

Unitaria resérvase o dereito de suspender o curso/obradoiro/evento ou modificar as datas e horarios indicados dependendo do número de alumnos matriculados, nese caso comunicarase a forma de devolución do importe abonado.

INSCRICIÓN: un correo cos teus datos (NOME COMPLETO, DNI e TELÉFONO) e obradoiro no que queres participar: